CRTVG

Buscar

Un home armado con arco e frechas causa varios mortos e feridos en Noruega

Publicado o 13/10/2021 21:56
Un home armado con arco e frechas causa varios mortos e feridos en Noruega

Un home armado cun arco e frechas causou polo menos cinco vítimas mortais e deixou varios feridos na cidade norueguesa de Kongsberg, ao suroeste de Oslo, segundo a televisión pública NRK. O agresor foi detido e crese que actuaba só, segundo estas fontes, que non deron máis información sobre os seus posibles móbiles.

"O home que perpetrou os feitos foi detido pola policía e non hai ningunha procura activa de máis persoas. Polas informacións que temos, é unha soa persoa a que está detrás do ocorrido", dixo en rolda de prensa Øyvind Aas, xefe de policía da localidade de Drammen.

A policía informara horas antes dunha acción no centro de Kongsberg e pedira aos residentes que non saísen das súas casas despois de constatar que unha persoa fora ferida dun disparo cunha frecha.

Varias unidades policiais, incluídos helicópteros e un grupo de especialistas antiexplosivos foron mobilizados. Segundo a policía norueguesa, o individuo percorreu varias zonas atacando a xente antes de ser detido.

O concello de Kongsberg habilitou un centro de acollida para os afectados e mobilizou un equipo de crise para afrontar a situación.

De acordo co tabloide VG, os servizos de intelixencia noruegueses (PST) foron informados dos feitos, aínda que polo momento a policía considera que é demasiado pronto para saber se é un acto terrorista. 

Noticias web

13/10/2021