CRTVG

Buscar

Entrégase o home que supostamente acoitelou tres persoas na Coruña e que ameazaba con suicidarse

Publicado o 19/04/2021 15:33

O home que supostamente apuñalou tres persoas este luns nun edificio da Coruña e ameazaba con suicidarse lanzándose desde a xanela dunha oitava planta, entregouse finalmente e foi detido pola policía.

A Policía Nacional desbota a violencia machista como primeira hipótese do acoitelemento ocorrido, segundo a delegación do Goberno. No suceso quedaron feridos dous familiares da exparella do agresor e un veciño que acudiu na súa axuda. 

Todo comezaba contra as dez da mañá. Un home entraba nun edificio da Rolda de Nelle, segundo contan os veciños facéndose pasar por repartidor para que lle abriran a porta do décimo andar. Aproveitou o momento para agredir cun coitelo a muller que lle abriu a porta e á súa parella que tamén se atopaba na vivenda.Un veciño saíu auxilialos ao escoitar os berros tamén quedou ferido. Os tres están fóra de perigo.

De inmediato trasladáronse á zona os servizos de urxencias e varias patrullas da Policía Nacional que intentaron impedir que o agresor se quitase a vida tal e como estaba ameazando.

Tras dúas horas de continuo ir e vir, un negociador da Policía Nacional conseguiu disuadir o home das súas intencións, que finalmente foi detido. 

Segundo a Delegación do Goberno a policía non baralla a violencia machista como primeira das hipóteses deste suceso.