CRTVG

Buscar

Un grupo de xubilados 'asalta' o balneario de Guitiriz

Publicado o 21/01/2020 18:09

A plena luz do día e con ducias de testemuñas que lles sacaron fotos. Así foi como un grupo de xubilados da Coruña presuntamente saqueou o balneario de Guitiriz. Entre os obxectos que supostamente roubaron había utensilios de cociña e roupa de cama e mais de baño. Os presuntos ladróns formaban parte dunha excursión organizada que incluía almorzo e comida. Tras xantaren nun restaurante da vila, accederon ás instalacións e apropiáronse de canto puideron cargar para levar no autobús.

"Veunos unha excursión de 24 persoas, tiveron unha charla, comeron aquí e despois soubemos que foran buscar cousas ao balneario. Nós non os vimos directamente, que estabamos traballando, pero despois dixéronnos que houbera xente que chamara a policía", comenta Adrián Pereira, hostaleiro.

O acontecido provocou o asombro dos veciños de Guitiriz, que axiña deron aviso á Garda Civil. Os axentes tardaron apenas unha hora en dar cos supostos ladróns, que xa se encontraban en Begonte para proseguir coa viaxe programada. Foron identificadas dez persoas, ás que lles comisaron o botín do roubo.

"É o máximo, xa, que vaian aí e por riba aproveiten para coller as catro cousas que nin sequera van utilizar. Ocorréuselle a alguén e seguro que se lanzaron todos".

"O aparcadoiro estaba completo e había bastante xente que o puido ver. Non sei se o viron, pero si o comentaron polo que ten de anecdótico. Ao final é unha parvada total, pois non vale para nada. Todo o que hai dentro non creo que valla para moito".

"A min paréceme que iso é o último que se debe facer. O único que deberiamos facer é mirar polo balneario e axudar todos a que saíse adiante, que é un ben para todos, creo".

Os obxectos subtraídos xa foron devoltos ao seu propietario, o empresario coruñés Andrés Conde Medín. O seu balneario, que sufriu numerosos saqueos nos últimos meses, actualmente encóntrase en proceso de compra por parte dunha empresa madrileña.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/01/2020