CRTVG

Buscar

Un grupo de presos dun cárcere de Segovia completa seis etapas do Camiño de Santiago

Publicado o 08/04/2019 12:59

Un Camiño de integración é o que rematou hoxe un grupo de seis internos do centro penal de Segovia. Acompañados de dous educadores, unha traballadora social e unha voluntaria, saíron o mércores pasado do Cebreiro para completar seis etapas da Ruta Xacobea. Unha experiencia única con moitos propósitos. 

Foron seis etapas en que compartiron de todo. Bochas, frío, choiva, traballos... pero tamén alegrías. Despois dun tempo de preparación, tanto física como psicolóxica, o grupo percorreu os últimos 150 quilómetros que separan Pedrafita do Cebreiro de Santiago de Compostela.

Rafael, peregrino: "E agora vas vendo que o macuto hai que planificalo moito e que o hai que ir baixando, hai que ir mirándoo. E iso lévalo á túa vida e é cando tes que chegar e baixarte. Porque ao final do camiño se ti levas o macuto lixeiro vas mellor vas máis solto. Se a levas moi cargada poden facerche volver caer, que é o que imos buscando non facer".

Iván, peregrino: "Quería facer o Camiño antes de entrar no cárcere, pero mira, déronme as facilidades dende Institucións Penitenciarias e ao final quixen facelo con eles. Ademais, quería facer o Francés dende máis lonxe pero, claro, con máis tempo".

Camiños de liberdade, que así se chama este proxecto, forma parte do programa de reinserción social que fan dende 2002 no centro penal de Segovia e conta co apoio de institucións locais e ONG.

Jesús Hernández, educador do cárcere de Segovia: "Aquí todos somos peregrinos. Durmimos nos mesmos sitios, sáennos as mesmas bochas. Entón nesa igualdade é onde os terapeutas traballamos en distintos aspectos que a eles lles poidan sevir. O contacto cos peregrinos, a solidaridade, a axuda. Todo isto que se vai atopando ao longo do Camiño a eles axúdalles moitísimo non".

É un proceso de aprendizaxe activa, en que se incorporan hábitos e comportamentos normalizados, para o desenvolvemento persoal e a súa integración social.

Días intensos de camiñar e de pensar co obxectivo cumprido de chegar a Compostela.

Noticias web

08/04/2019