CRTVG

Buscar

Un grupo de militares protagoniza un golpe de Estado en Guinea-Conakri

Publicado o 05/09/2021 17:39
Un grupo de militares protagoniza un golpe de Estado en Guinea-Conakri

O líder das Forzas Especiais do Exército de Guinea-Conakri asegura que os militares que lideran o intento golpista detiveron o presidente do país, Alpha Condé. O Goberno nega que tivesen éxito.

O coronel Mamady Doumbuya anunciou nun vídeo difundido este domingo nas redes sociais que os militares acordaron "disolver a Constitución en vigor" e o Goberno, así como o "peche das fronteiras terrestres e aéreas do país".

Os golpistas difundiron imaxes do presidente na súa residencia oficial sentado nun sofá e rodeado de militares armados. A situación é confusa porque o Ministerio de Defensa asegurou que "a Garda Presidencial, apoiada polas forzas de defensa e seguridade leais e republicanas", contivo a ameaza e rexeitou o grupo de atacantes.

O aparente intento golpista produciuse despois de que se escoitaran disparos no centro da capital e de que soldados do exército tomaran posicións na zona.

O mandatario dirixe este país de África occidental desde decembro de 2010. En outubro celebrou eleccións presidenciais nas que Condé se presentou a un controvertido terceiro mandato, non permitido pola Constitución, pero que cambiou tras celebrar un referendo aprobado con máis do 90 % dos votos. Tras a violencia despois dos comicios morreron 30 persoas e houbo centos de detidos. Amnistía Internacional denuncia que os arrestos continuaron este ano.