CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Un grupo de estudantes dun instituto londinense que aprende galego visitan estes días Galicia

Publicado o 09/05/2018 21:21

Un grupo de rapaces residentes en Londres e que estudan galego na capital británica están estes días de visita no noso país. A maioría son descentes de familias galegas, que non queren perder o contacto coa súa lingua materna.

Moitos xa naceron en Londres e son descendentes de galegos. Coñecen o noso idioma porque o falan na casa, pero agora tamén o teñen como unha materia máis no seu instituto.

"O meu pai fálame en galego e eu empecei a estudar galego este ano", di un rapaz.

"Porque damos no só o idioma, tamén cousas típicas, monumentos e todo iso, no só o idioma", di un rapaz.

"A familia do meu pai é galega, entón o meu pai quixo que aprendera o galego", sinala unha rapaza.

No grupo tamén hai rapaces de familias procedentes doutros lugares de España. Levan escasamente un ano aprendendo galego e é a primeira vez que visitan Galicia.

"Eu podo entendelo todo, é máis difícil falalo, pero é unha lingua moi bonita gústame moito", di unha rapaza.

Estes 40 rapaces son alumnos do instituto español de Londres Cañada Blanch. Está situado no distrito de Portobello, onde reside gran parte da comunidade galega na capital británica. O centro leva 25 anos impartindo clases de galego.

"Os pais loitaron moito porque houbera a posibilidade de ensino na nosa lingua e conseguírono. Desde aquela hai unha optativa en lingua galega e actualmente hai 58 rapaces matriculados na ESO", afirma a profesora de galego.

"Que teñamos uns resultados docentes que chaman a atención, que sexan capaces de recitar de memoria poetas galegos e mesmo cantar músicas galegas cunha alta capacidade, cunha alta competencia lingüística", di o secretario xeral de Política Lingüística.

É o que teñen en común estes rapaces, o seu interese e esforzo por falar, escribir e cantar en galego.

Telexornal Serán

09/05/2018