CRTVG

Buscar

Un grupo de caldeiróns quedan varados na costa asturiana

Publicado o 29/09/2020 14:19

Preto de vinte caldeiróns quedaron varados nunha praia de Asturias. A pesar dos esforzos para levalos a augas máis profundas, varios dos cetáceos apareceron mortos esta mañá.

A varada masiva de cetáceos non se recordaba nas augas asturianas desde había, polo menos, trinta anos.

É un grupo duns 17 caldeiróns tropicais que estes días se desprazaban a uns 300 metros da liña da costa e que inexplicablemente acabaron nunha zona de rochas e de difícil acceso desde terra.

Aí quedaron varados e de nada serviron os intentos dos veciños de devolvelos a augas máis profundas, por tratarse de animais de tres metros e case unha tonelada de peso.

Os especialistas enviados ao lugar tiveron que suspender onte o rescate, ante a chegada da noite e a baixamar.

Esta mañá retomáronse os traballos pero varios caldeiróns estaban xa mortos: aos outros leváronos mar adentro pero seguen baixo vixilancia para evitar que volvan achegarse á costa.

Noticias web

29/09/2020