CRTVG

Buscar

Un grupo de armadores de Marín doa parte da súa pesca ao Banco de Alimentos de Pontevedra

Publicado o 28/04/2020 15:49

A xente do mar prestou atención ao incremento das necesidades que provoca esta crise.

"Hai un sector da poboación que estaba nunha situación de traballo precaria e agora caeu, así que notamos ese incremento. Supoñemos que estamos nun incremento do dez por cento".

Este aumento das necesidades inspirou a Cooperativa do Mar San Miguel de Marín, que levaba dende o comezo da crise preguntándose como podía axudar.

"Vímonos na obriga de intentar axudar co que temos, que é o peixe".

Resultado: cinco barcos do Gran Sol e outros tres de litoral decidiron doar parte da súa pesca para axudar os veciños de Marín e Pontevedra que perciben a RISGA e os comedores sociais.

"O noso compromiso é que cada vez que entre un dos nosos barcos achegue unha serie de quilos de peixe, arredor duns 150, ao Banco de Alimentos de Pontevedra".

Calculan entregar cada semana uns 400 quilos de especies coma pescada e meiga que distribuirá coa súa infraestrutura o Banco de Alimentos de Pontevedra.

"O Banco de Alimentos non reparte directamente aos necesitados, senón que o fai a través das organizacións que están para tal efecto".

Os armadores implicados comprométense a seguir doando peixe mentres dure a crise sanitaria.

Noticias web

28/04/2020