Un gromo nunha residencia dispara a incidencia da covid en Cabanas
A terceira onda bateu de cheo nunha residencia de Cabanas. Xusto cando o concello eumés comezaba a baixar a curva de contaxios do Nadal, este importante gromo disparou a incidencia por riba dos 2.000 casos, segundo explica o alcalde de Cabanas, Carlos Ladra.
A vacinación estaba practicamente rematada na residencia Domus VII Laraxe. A maioría está a pasar a infección sen complicacións, pero en xaneiro houbo 4 falecidos e hoxe hai 10 pacientes ingresados en Ferrol.
Fóra da residencia a situación é ben diferente. Despois da repunta de xaneiro, os contaxios comezaron a baixar grazas ás medidas e á responsabilidade dos veciños.
Sanidade non considerou necesario facer cribados fóra da residencia, porque cada vez hai menos casos activos entre os 3.400 habitantes dun concello case baleiro, pola covid e pola chuvia.