CRTVG

Buscar

Un gromo entre traballadores dunha empresa hortofrutícola de Guitiriz suma 33 positivos

Publicado o 30/08/2021 14:11

Un novo gromo detectado en Guitiriz sumou máis dunha trintena de positivos. Trátase dos traballadores dunha empresa hortofrutícola con diferentes explotacións na Terra Chá. Os afectados son parte dos colectores de arandos que conviven nun mesmo edificio, un antigo hotel situado nun extremo da vila, onde o foco xerou preocupación entre os veciños.

"Sempre hai preocupación cando tes no teu concello ou a carón da casa, porque eu vivo aquí ao lado. Claro que nos preocupamos, pero é algo que non se pode evitar, se non evitaríase". "Viña a autonómica de vez en cando. Por aí andaban e ían ao súper. Movíanse", sinalan os residentes na contorna.

O primeiro caso detectárase o pasado 3 de agosto, ao que se foron sumando novos contaxios nos seguintes cribados. Ao acadar a trintena de positivos, a empresa decidiu distribuír os traballadores por diferentes pisos alugados pola contorna para que pasasen a corentena. Neste senso, dende Comisións Obreiras denuncian que os empregados non cobraron durante as semanas que permaneceron confinados.

"Chámame algún traballador pedíndome que non se filtre nada, porque se se filtra que falaron con Comisións Obreiras bótanos directamente para o seu país de orixe, polo que temos que ter moito coidado coa cuestión de quen nos achega a información. Como cobran por quincenas, o pagamento correspondente aos traballadores illados dende o 3 de agosto foi de tres días nada máis, dun total de 15. Aí foi onde lles saltou a alarma", di José Luis López, responsable de industria de CC OO en Lugo.

O mesmo sindicato vencellou a morte dun traballador da mesma empresa a semana pasada ás pésimas condicións de traballo.

Noticias web

30/08/2021