CRTVG

Buscar

Un gromo detectado nunha residencia de Monforte deixa 36 novos contaxios

Publicado o 06/09/2021 14:30

O gromo de coronavirus localizado na residencia que a empresa DomusVi ten en Monforte afecta a 34 residentes e dous empregados. A maioría dos contaxiados permanecen asintomáticos, algúns teñen síntomas leves e hai dous casos máis graves, pero ningún precisou hospitalización.

Monforte é un dos tres concellos galegos que están en nivel máximo de restricións, despois de que se diagnosticasen preto de 200 casos relacionados con varios botellóns e celebracións privadas durante as festas patronais. "Eu creo que veu moito pola multitude de xente que veu polo mes de agosto". "E agora, espera que agora pasen estes días da Volta, que na Volta houbo moita xente así xuntiños. Xa veremos".

Segundo os últimos datos do Sergas, a incidencia acumulada a 14 días en Monforte segue por riba dos mil casos por cada cen mil habitantes. Na última semana, os novos contaxios rexistrados na vila son 89 para unha incidencia de 457 casos por cen mil habitantes.

As residencias galegas de maiores suman hoxe 75 casos de coronavirus. O principal problema estaba na das Gándaras, en Lugo, que mellora: vinte usuarios recibiron xa a alta. Pero agora apareceu un gromo novo na DomusVi de Monforte. 

Noticias web

06/09/2021