Un gromo con catro casos importados en Chandrexa de Queixa
O gromo de Chandrexa de Queixa está formado por catro positivos importados. Son dous matrimonios que viñeron xuntos dende Barcelona e Zaragoza para pasar unha tempada na súa aldea natal. Segundo o Concello, está controlado porque ao presentar síntomas foron detectados ao pouco de chegar, están illados na vivenda e apenas estiveron en contacto cos veciños.
O concello de Chandrexa de Queixa dá unha mensaxe de tranquilidade, pero lembra que se deben extremar as medidas de prevención.
Por precaución, a residencia de maiores de Chandrexa de Queixa estará de novo pechada ás visitas.
O outro novo gromo está no Carballiño, polo momento, tamén controlado. Son tres casos, un home que veu da República Dominicana e dous familiares, e están facendo PCR a máis contactos.
En Ourense hai en total 26 positivos en COVID-19, tres deles ingresados, unha muller de Baños de Molgas e un matrimonio de Vilar de Barrio, que, con 9 casos, é o gromo máis importante da provincia.