CRTVG

Buscar

Un grande Obradoiro perde co Real Madrid por 84-77

Publicado o 21/10/2020 11:01

Ata a expulsión do técnico galego o Obradoiro estaba asinando un gran partido. Xogándolle de ti a ti a todo un Real Madrid. Incluso superándoo nos dous primeiros cuartos cun espectacular Kassius Robertson, autor de 21 puntos ao descanso. Así, os de Moncho fóronse aos vestiarios con vantaxe 40-44.

Non perdeu impulso o Obradoiro no inicio do terceiro período. Aumentou a diferenza ata os oito puntos. Pero cando as protestas de Moncho desembocaron na dobre técnica e conseguinte expulsión, o equipo santiagués acusou o golpe. O Real Madrid deulle a volta ao marcador cun parcial de 11-1.

Con todo, o Obradoiro refíxose e chegou a remontar, situándose por diante a falta de cinco minutos para a conclusión: 67-70.

Pero non puido co último arreón dos madridistas, que acabaron impoñendo a súa calidade tanto en ataque coma en defensa, con Tavares e Deck sacando petróleo baixo o aro.

Ao final, digna derrota dos santiagueses que marcharon do WiZink Center coa sensación de ter merecido algo máis, demostrando que o seu excelente inicio de temporada non é unha casualidade.

Noticias web

21/10/2020