CRTVG

Buscar

Un incendio nun edificio de 48 plantas nos Emiratos deixa varios feridos

Publicado o 05/05/2020 23:46

Polo menos sete persoas saíron feridas dun incendio de grandes dimensións que se declarou este martes nun edificio residencial de 48 plantas no emirato de Sharjah, no leste dos Emiratos Árabes Unidos (EAU). O Goberno do emirato informou nun breve comunicado de que sete persoas se feriron e os bombeiros evacuaron as que se atopaban no seu interior e deron controlado o lume.

O incendio declarouse sobre as 21:00, hora local na Torre Abbco e obrigou a evacuar varios edificios da zona, segundo medios locais e testemuñas nas redes sociais. Imaxes tomadas desde as rúas e edificios adxacentes difundidas nas redes sociais mostran o edificio rodeado de lapas e fragmentos caendo incandescentes ao baleiro.

Medios locais reportaron que algúns fragmentos impactaron contra vehículos estacionados nas inmediacións do inmoble. O emirato de Sharjah é un dos máis importantes e de maior crecemento do país e funciona como unha sorte de cidade dormitorio de Dubai para moitos empregados na capital económica emiratí.

 

Noticias web

05/05/2020