CRTVG

Buscar

Estabilizado o maior incendio do verán, que queimou en Monforte 350 hectáreas

Publicado o 06/09/2019 07:39

• Varios veciños de Vide e Mañente tiveron que ser desaloxados

• Feijóo pídelles aos "desaprehensivos" que deixen de queimar os montes galegos | Teléfono de denuncia aos incendiarios: 900 815 085

 

Un incendio forestal rexistrado en Monforte, na parroquia de Seoane, arrasou xa 350 hectáreas, segundo as estimacións facilitadas por Medio Rural. Comezou a primeira hora da tarde e afectou as parroquias de Seoane, Tor e A Vide e chega ata o concello de Pantón.

A enorme columna de fume puido verse desde a propia zona urbana de Monforte. O incendio obrigou a cortar o tráfico no corredor de Chantada e na estrada vella a Escairón. Ademais, tamén se procedeu a suspender o tráfico no corredor CG2.1. que comunica Monforte con Lalín.

Polo momento, non se viu afectada ningunha vivenda, aínda que tiveron que ser desaloxados varios veciños de Vide (Monforte) e Mañente (Pantón) pola proximidade das lapas, que chegaron a queimar hortas e parcelas próximas ás vivendas. 

O alcalde de Monforte, José Tomé, confirmoulle a Europa Press que os desaloxos se levaron a cabo como "medida preventiva", xa que as lapas se atopaban próximas ás vivendas, aínda que "o perigo", neste sentido, "desapareceu practicamente". De todos os xeitos, o edil esperará arredor de media ou unha hora para que os veciños poidan volver ás súas casas. A Garda Civil confirmou o desaloxo de tres veciños con mobilidade reducida.

Pola súa banda, o alcalde de Pantón, José Luís Álvarez, comentou que nesta localidade tamén se decidiu desaloxar sete ou oito veciños que habitan tres vivendas como "medida de protección", xa que o lume está "moi preto das casas" e os bombeiros están a crear unha barreira arredor delas para frear o seu avance. Ao tempo, os servizos de extinción de incendios seguen tratando de apagar as lapas e arrefriar o terreo en Monforte, que abandona a parroquia de Moreda e achégase a Ferreira de Pantón. Ata agora, as parroquias monfortinas máis prexudicadas son as de Seoane, San Xulián de Tor, San Cibrao da Vide, Moreda e Baamorto. Nesta última foi na que se iniciou o lume, concretamente na parroquia de Cinsa, explicou Tomé. 

O incendio calcinou 350 hectáreas de terreo en catro horas e afectou a leiras particulares, monte, zonas rasas e prados, "pero non a edificios", asegurou José Tomé. Ademais, "o terreo foi accesible" para os bombeiros, xa que as parroquias máis afectadas son próximas ao núcleo de Monforte e "teñen bastantes vías de comunicación", valorou.

Pola súa banda, os veciños de Monforte "están máis tranquilos" porque "as casas non sufriron danos", engade. Con todo, cando o Concello deu a orde de desaloxo os ocupantes das vivendas mostrábanse "preocupados" pola "medida de prevención" que se estaba levando a cabo.

Ante a situación, o conselleiro de Medio Rural, José González, desprázase á localidade monfortina despois de acudir ao Concello de Porto do Son na mañá deste xoves debido a outro incendio que segue activo nese municipio coruñés.

Nas tarefas de extinción participan 22 brigadas, doce axentes forestais e dous técnicos, doce motobombas, trece helicópteros e catro avións e dúas pas escavadoras.

Noticias web

06/09/2019