CRTVG

Buscar

Un estudo non atopa beneficios da cloroquina e a hidroxicloroquina en pacientes con COVID-19

Publicado o 22/05/2020 18:45
Un estudo non atopa beneficios da cloroquina e a hidroxicloroquina en pacientes con COVID-19

Un grande estudo de observación suxire que o tratamento co fármaco cloroquina ou o seu análogo, a hidroxicloroquina (tomado con ou sen os antibióticos azitromicina ou claritromicina), non ofrece ningún beneficio aos pacientes con COVID-19.

No estudo analizáronse os datos de case 15.000 pacientes con COVID-19 que recibiron unha combinación de calquera dos catro réximes de medicamentos e 81.000 controis. 

Ademais, a investigación evidenciou que o tratamento con estes medicamentos entre os pacientes con COVID-19, xa sexa só ou en combinación con antibióticos macrólidos, está relacionado cun maior risco de complicacións graves do ritmo cardíaco.   

Os investigadores suxiren que estes réximes de tratamento non deben utilizarse para tratar a COVID-19 fóra dos ensaios clínicos ata que os resultados dos ensaios clínicos aleatorios estean dispoñibles para confirmar a seguridade e eficacia destes medicamentos para os pacientes con COVID-19.

A cloroquina é un fármaco antipalúdico e o seu análogo, a hidroxicloroquina, utilízase para tratar enfermidades autoinmunes, como o lupus e a artrite. Ambos os medicamentos teñen un bo perfil de seguridade como tratamentos para esas condicións específicas, e os resultados non implican que os pacientes deban deixar de tomar estes medicamentos se se receitan para enfermidades aprobadas. Tamén se demostrou que teñen efectos antivirais nas probas de laboratorio e, por tanto, son de interese como posibles tratamentos para a COVID-19.   

"Este é o primeiro estudo a grande escala que atopa probas estatisticamente sólidas de que o tratamento con cloroquina ou hidroxicloroquina non beneficia os pacientes con COVID-19. En cambio, os nosos achados suxiren que pode estar asociado cun maior risco de problemas cardíacos graves e un maior risco de morte. Os ensaios clínicos aleatorios son esenciais para confirmar calquera dano ou beneficio asociado con estes axentes. Mentres tanto, suxerimos que estes fármacos non deben utilizarse como tratamentos para  COVID-19 fóra dos ensaios clínicos", explica Mandeep R. Mehra, autor principal do estudo e director executivo do Centro de Enfermidades Cardíacas Avanzadas do Hospital Brigham and Women's de Boston (Estados Unidos).