CRTVG

Buscar

Un gol de Remy no desconto clasifica As Palmas no encontro co Deportivo (2-3)

Publicado o 30/11/2017 09:00

A concentración era o obxectivo. O partido viña coa mochila ao lombo dun resultado moi adverso para o Deportivo e foron os coruñeses os que primeiro colleron postura. A tres minutos do descanso Çolak bate no coiro con precisión e o redondo colle o camiño menos doado para o porteiro Chichizola, que encaixa o cero a un. Para As Palmas foron minutos aciagos antes de ir a caseta: encaixan gol e perden a Vitolo que marchou chorando.

Co partido xa na segunda parte chega o segundo do Deportivo nun saque de falta de Lucas Pérez no que a pelota remata na cabeza de Borja Valle, libre de manobra, para furar a porta canaria. Daquela parecía posible para os galegos, pero unha gran xogada de Hernán Toledo volve tirarlle da brida aos de Cristobal: o arxentino mergulla na área a caneo limpo e remata raso para bater a Pantilimon por vez primeira no encontro.

Seguiu sen dar o brazo a torcer o Deportivo e a dez minutos do final pon a prórroga a tiro de pedra. Cohete balístico de Borja Valle dende fóra da área que colle a curva precisa e vai condenando a Chichizola á futilidade do seu esforzo por coller unha pelota que acabou na rede. Alta tensión nos últimos minutos co equipo galego emborcado a polo cuarto e con Lucas Pérez rozando a miragre.

Vaise cun balón, salva o porteiro fóra da área e ata en dúas ocasións consegue tirar a porta; a segunda con David Simón salvando in extremis baixo paus. Foi a última, o gol do alivio para os canarios nun contragolpe que colle a traspés ao Deportivo e no que Remy culmina cun tiro cruzado que deixa na cuneta da Copa os galegos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/11/2017