CRTVG

Buscar

Unha coalición con 17 ministros do PSOE e 5 de Unidas Podemos

Publicado o 12/01/2020 12:59

Un novo abrazo entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias, neste caso ao remate da segunda votación de investidura, abría o paso a un goberno de coalición, inédito ata o de agora en 42 anos de democracia. O próximo consello de ministros será substancialmente máis amplo ca o anterior. Pasa de 17 a 23 integrantes, con Pedro Sánchez encabezando un executivo de 22 carteiras ministeriais, nas que se acentúa o perfil económico.

Entre esas carteiras figuran as catro vicepresidencias, copadas por tres mulleres socialistas, que constituíron un golpe de efecto mediático: Carmen Calvo no Ministerio de Presidencia e Relacións coas Cortes, Nadia Calviño en Asuntos Económicos e Teresa Ribera en Transición Ecolóxica, con Pablo Iglesias, que accede ao segundo chanzo gobernamental encargado de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

Debutan no cargo seis ministros pola parte socialista. Son Carolina Darias en Política Territorial, Rodríguez Uribes en Cultura e Juan Carlos Campo en Xustiza, os tres coñecidos onte xa case sobre a campá. Acompañaranos González Laya en Exteriores, José Luis Escrivá para Seguridade Social e Salvador Illa en Sanidade.

Ademais de Pablo Iglesias, Unidas Podemos incorpora as catro carteiras xa coñecidas: Yolanda Díaz en Traballo, Manuel Castells para Universidades, Irene Montero en Igualdade e Alberto Garzón en Consumo.

E estes son os vellos coñecidos, que repiten carteira: María Jesús Montero en Facenda, reforzada agora como voceira do Goberno; Celáa en Educación, Grande-Marlaska para Interior e Ábalos en Transporte e Mobilidade, ademais de Margarita Robles en Defensa, Reyes Maroto en Industria, Luis Planas en Agricultura e Pedro Duque en Ciencia e Innovación. En definitiva, unha combinación de once debutantes e once ministros xa veteranos.

Noticias web

12/01/2020