CRTVG

Buscar

Un garda civil salva un veciño de Chantada que caeu inconsciente sobre unha silveira

Publicado o 02/05/2019 16:39

A combinación de ter sorte e dar cun bo profesional foi o que, posiblemente, salvou un veciño de Chantada de botar toda unha noite tirado nunha silveira, despois de que lle dera un baixón de azucre e caera inconsciente mentres daba o seu paseo diario. A sorte chegoulle da man dun garda civil que pasaba pola zona e parou ao parecerlle ver un vulto embaixo da beiravía. 

Alfredo peta na porta da casa de Manuel para interesarse pola súa saúde. El foi quen o atopou tirado nunha silveira mentres ía facer outro servizo canda un compañeiro. Os dous lévannos ao lugar da caída, un punto fixo no percorrido diario que fai Manuel paseando.

Alfredo Álvarez: "Estabamos facendo outro servizo e vimos un vulto nunha silveira; paramos e era unha persoa maior malferida".

Manuel estaba todo rabuñado e presentaba un estado bastante malo. Alfredo e o seu compañeiro foron canda el ao hospital e estiveron pendentes ata que o levaron, xa de alta, á súa casa. Manuel ten diabetes dende que hai 18 anos lle dera un infarto. Esta é a terceira vez que lle dá un baixón de azucre e perde o coñecemento, pero as anteriores déralle na casa. Agora foi distinto.

Curiosamente Alfredo e Manuel coñecíanse hai anos, xa que Manuel traballaba nun concesionario de coches onde Alfredo mercara o seu. A vida volveunos xuntar, e o sentimento de ambos os dous é de profundo agradecemento.

A sorte, a profesionalidade e o non mirar cara a outro lado fixeron posible que hoxe Manuel e Alfredo nos estean contando como foi a caída.

Noticias web

02/05/2019