CRTVG

Buscar

Acusan un garda civil de ter relacións sexuais cunha vítima de violencia machista

Publicado o 19/02/2019 19:27

Un garda civil sentou hoxe na Audiencia de Pontevedra. Está acusado de solicitude sexual, negociación e actividade prohibida a un funcionario e abuso de funcións. Presuntamente, mantivo relacións sexuais cunha vítima de violencia de xénero cando coordinaba a protección da muller.

O home desempeñaba o cargo de brigada na comandancia da Garda Civil de Pontevedra e agora está no banco dos acusados por, presuntamente, contactar cunha vítima de violencia de xénero para manter relacións sexuais con ela, convidala a cear e ofrecerse a pagarlle o alugueiro do piso.

O acusado negou todos os feitos. Asegurou que el coordinaba unha unidade e que eran outros axentes os que se encargaban das relacións coas vítimas. Insiste en que ten moi mala relación co seu xefe que instruiu o informe que o levou a estar no xulgado e que sempre quixo perxudicalo.

Luis Manuel Salvado Carbajales, avogado da defensa: "Á marxe de negar ese contacto sexual, aínda que se producise non está dentro dun marco dunha xerarquía ou supeditado a que el a puidese favorecer como consecuencia do seu cargo ou da súa condición".

A vítima dixo que a estivo acosando durante máis de dez horas ata que conseguiu levala a súa casa no cuartel baixo a promesa de axudarlle a pagar o alugueiro.

Luís Manuel Salvado Carbajales, avogado da defensa: "A vítima, en todo momento, admite ese contacto e di que hai un encontro de contido sexual. Ela admite que ese encontro sexual é voluntario e plenamente consentido e que non está supeditado a un beneplácito, prebenda ou axuda en relación co asunto do que se estaba ocupando o acusado".

A Fiscalía afirma que o axente tivo coñecemento da agresión á vítima e que a visitou no hospital, onde a atenderon por unha coitelada. Por razón do seu cargo, tiña coñecemento de que ela exercía a prostitución e consumía drogas, ademais de ter acceso aos seus datos persoais. Di a fiscala que ao saber da súa situación foille sinxelo poder convencela. Por este feitos, a Fiscalía reclama unha pena de ano e medio de cárcere e a inhabilitación durante sete anos.

Noticias web

19/02/2019