CRTVG

Buscar

Un garda civil da Laracha doa pantallas de protección a unha asociación que traballa con persoas con parálise cerebral

Publicado o 20/04/2020 14:26

Sergio empezou coa súa acción solidaria cando os elementos de protección contra o contaxio da COVID-19 escaseaban e a produción industrial destes elementos nin estaba prevista. Pensou na necesidade de material de protección que tiñan os profesionais de Aspace e púxose a facer pantallas faciais na súa impresora 3D para eles. Fabricou dez e entregoullas ao persoal desta asociación coruñesa que traballa con persoas con parálise cerebral.

"Como a min me gusta a bricolaxe e teño espazo aquí na casa para facer algo, decidín practicar algunhas ideas. A produción non ía todo o rápido que quería e púxenme en contacto con Rocío e Sergio, uns rapaces encantadores de Carballo que teñen unha tenda de segunda man e están imprimindo centos de máscaras destas".

Ademais de desenvolver o seu traballo de garda civil na Laracha, Sergio leva as últimas semanas ocupado en avanzar na elaboración das pantallas de protección en cooperación cos seus dous cómplices nesta acción solidaria.

"Sempre tiven esa vocación de querer axudar a xente, de aí o meu traballo. Pero non só aí. De xeito particular sempre poden contar conmigo, quen me coñecen, para facer calquera tipo de cousas que axuden a xente".

Onte mesmo acabei a última cun novo material, hoxe probarei con outra cousa, pero a principal colaboración é con estes rapaces, Rocío e Sergio, que son os que fan a centos; conseguíndolles materiais, achegando algo ao seu labor".

Os destinatarios das pantallas amosaron o seu agradecemento ao labor altruísta e desinteresado de Sergio mediante unha carta enviada á Comandancia da Coruña. Nela resaltan a xenerosidade, solidariedade e traballo do cabo da Garda Civil.

Noticias web

20/04/2020