CRTVG

Buscar

Un gaiteiro homenaxea as vítimas da covid-19 na catedral de Ourense

Publicado o 30/06/2020 14:10

Bieito Romero, líder de Luar na Lubre, foi o primeiro en inaugurar este ciclo que aspira a prolongarse moito no tempo. Cada día, ás once e media da mañá, un gaiteiro subirá á torre da catedral para interpretar o Himno de Ourense. Unha homenaxe a todas as vítimas da covid-19, os que faleceron, os enfermos e tamén toda a xente que se implicou traballando para lle facer fronte á pandemia

Ás once e media da mañá comezou a soar a gaita na catedral de Ourense. Unha hora conmemorativa do día en que a Organización Mundial da Saúde declarou a pandemia mundial: o 11 de marzo de 2020.

"Paréceme un detalle precioso. Algo que ten que lembrarse moito tempo. Puxéronsenos os pelos de punta". "A min paréceme moi emocionante, escoitar o himno desde aí arriba por un gaiteiro..., todo o acto en si pareceume moi emotivo", comentan os espectadores.

132 persoas faleceron pola covid-19 na provincia de Ourense, 619 no conxunto de Galicia. Unha pandemia, aínda activa, que transformou o que entendiamos como normalidade cando empezou o ano. Os que agora escoitan o gaiteiro fano con máscara, e a distancia. O propio Bieito Romero, ataviado cunha capa confeccionada para a ocasión por Adolfo Domínguez, só quitou a máscara para tocar.

Bieito Romero comenta que este é "un recoñecemento a toda a xente que está a loitar pola erradicación deste pandemia", ao tempo que expresa o seu orgullo por tocar na catedral, das máis importantes do antigo Reino de Galicia, "terra dos meus pais e dos meus ancestros". "A sensación non pode ser mellor", asegura.

El foi o primeiro, pero o plan do presidente da Deputación de Ourense, promotor da iniciativa, é que sexa perpetua. Cada día, un gaiteiro subirá á torre da catedral á mesma hora. Todos levarán cadanseu pergamiño conmemorativo.

Noticias web

30/06/2020