Un sismo de magnitude 7,5 deixa polo menos catro mortos no estado mexicano de Oaxaca
Un sismo de magnitude 7,5 rexistrouse este martes a 12 quilómetros do municipio de Crucecita, no estado mexicano de Oaxaca, e sentiuse en varios puntos do país activando a alerta sísmica na capital.
O terremoto tivo lugar ás 10.29 hora local.
O presidente de México, Andrés Manuel López Obrador, falou nun breve vídeo desde o patio do Palacio Nacional dun "sismo forte" de magnitude 7,5. "Temos xa comunicación con outros estados. De todas as maneiras, todo o mundo fóra para estar a salvo ante calquera réplica", chamou o mandatario.
"Ante o sismo rexistrado fai uns momentos no estado, activamos protocolos de seguridade para monitorear as rúas e manter protexida á poboación", dixo o gobernador de Oaxaca, Alejandro Murat, en redes.
En Oaxaca, unha moza faleceu por un derrube en Santa María Huatulco, un home de 70 anos morreu en San Juan Ozolotepec pola caída dun teito e outro home pereceu pola caída dun muro en San Agustín Amatengo. Ademais, meste mesmo estado faleceu nun hospital un traballador da petroleira pública Petróleos Mexicanos (Pemex) que caeu dunha estrutura durante o sismo.
O terremoto deixou tamén catro feridos, dous en Oaxaca e outros dous na Cidade de México.
Ademais, un hospital da zona dedicado á atención de pacientes de Covid-19 sufriu danos "estruturais" e tívose que desaloxar o centro médico.
O gobernador de Oaxaca tamén explicou que outro derrube afectou á comunicación terrestre entre diferentes municipios da rexión, e detallou que a refinería situada en Salina Cruz, no Istmo de Tehuantepec, paralizou operacións por seguridade.
O terremoto sentiuse con forza en boa parte da capital, onde se activou a alerta sísmica. Este aviso, lanzado aproximadamente entre un minuto antes de que se sentise o movemento telúrico, deu tempo a que desaloxasen a maior parte dos edificios.
A xefa de Goberno da Cidade de México, Claudia Sheinbaum, descartou vítimas mortais, derrubes de edificios e danos en hospitais da capital, onde os cidadáns puideron desaloxar os edificios grazas á alerta sísmica. A alcaldesa informou de "danos moi menores en fachadas e bardas" de 32 edificios da capital, así como algúns cortes de electricidade e auga.
En tanto, os Gobernos estatais de Tabasco, Puebla e o Estado de México descartaron danos.
O territorio mexicano está situado sobre cinco placas tectónicas. A maior parte do país pertence á placa Norteamericana, mentres que a península de Baixa California pertence á placa do Pacífico e no litoral do Pacífico están a microplaca de Rivera, a placa de Cocos, e a do Caribe.
Aviso de ameaza de tsunami para o Pacífico
A Administración Nacional Oceánica e Atmosférica dos EUA (NOAA, polas súas siglas en inglés), emitiu este martes un aviso de ameaza de tsunami para o Pacífico debido ao terremoto rexistrado hoxe preto da costa de Oaxaca, o cal actualizou horas máis tarde para reducir a previsión do nivel de ondas nas costas.
"Con base en todos os datos dispoñibles hai prognóstico de ondas de tsunami perigosas para algunhas costas", dixo a NOAA, que indicou que no Pacífico mexicano as ondas poderían alcanzar "de 0,3 a 1 metros por encima do nivel das mareas".
Esta é unha redución significativa con respecto ao anterior parte, no que a NOAA advertira de que as ondas no Pacífico mexicano poderían alcanzar "de 1 a 3 metros".
Así mesmo, alertou de que para Ecuador, Panamá, Costa Rica, El Salvador, Guatemala, Honduras, Nicaragua, Perú e Hawai as ondas poderán alcanzar 0,3 metros sobre o nivel da marea.
Anteriormente, para Ecuador as previsións da marusía eran que alcanzasen "0,3 a 1 metro sobre o nivel das mareas", e para o resto de países xa se calculaban menos de 0,3 metros.
"As amplitudes reais na costa poden variar respecto á amplitude da previsión polas incertezas e as características locais", advertiu con todo a NOAA.
Ademais, aseguran que nas zonas con atois ou arrecifes frontais, a amplitude máxima de tsunami "probablemente sexa moito menor do que indica o prognóstico".
"Esta mensaxe emítese para información só en apoio do sistema de advertencia e mitigación de tsunami do Pacífico (...) As autoridades nacionais determinarán o nivel apropiado de alerta para cada país e poden emitir información máis precisa", agregaron.
O organismo, dependente do Goberno dos EUA, recomendou ás autoridades locais dos países que poidan verse afectados, actuar para informar "as poboacións costeiras en risco de acordo coas súas propias avaliacións, procedementos e nivel de ameaza".