CRTVG

Buscar

Desaloxadas unhas 30 persoas por un incendio que afectou un edificio en Silleda

Publicado o 17/07/2020 14:57

Un forte incendio rexistrado esta mañá afectou un edificio no centro de Silleda. O alcalde do municipio di que "todo apunta a un solar lindeiro", onde había herba amontoada debido a labores de limpeza.

Os servizos de extinción xa conseguiron apagar o lume que afectou á fachada do inmoble, de catro plantas, en pleno centro da vila.

En total, tiveron que ser desaloxadas unhas 30 persoas deste bloque e dun lindeiro.

Segundo informan fontes do 112 Galicia, foi un particular quen deu a voz de alarma preto das 13.30 horas deste venres. Na súa chamada, indicaba que ardía a fachada dun edificio da rúa Trasdeza e de que "podía ter moita virulencia".

Así, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos bombeiros do Deza, da Policía Local, da Garda Civil e de Urxencias Sanitarias-061, aínda que finalmente non houbo que lamentar danos persoais como consecuencia do incendio.

Tal e como asegura o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, as persoas residentes no propio edificio, dunhas 15 vivendas, "evacuáronse con total normalidade" porque o lume, aínda que "foi moi aparatoso", entrou "pouco" no interior.

Segundo o rexedor, pasadas as 16.00 horas da tarde, o edificio xa estaba "en ventilación" e os bombeiros estaban "a arrefriar" a zona.

Os pisos máis afectados foron o primeiro e o cuarto. Neste último, correspondente co ático, os bombeiros calcularon que "en torno ao 15 por cento" da vivenda resultou afectada, explica Cuíña.

En canto ás causas do lume, o alcalde dixo que, "a expensas do que ditaminen as investigacións, todo apunta a un solar lindeiro" ao edificio, onde había herba amontoada debido aos labores de limpeza de maleza efectuadas.

Como consecuencia do incendio e para facilitar os labores de extinción, a estrada N-525 tivo que ser cortada ao tráfico ao seu paso pola rúa Trasdeza.

Ademais, ao longo da tarde, os bombeiros revisarán os danos que puido sufrir a fachada.

Aínda que non houbo persoas feridas a causa do lume, un dos bombeiros que participou no operativo sufriu unha queimadura leve nas mans ao abrir a bomba de auga do camión, motivo polo cal se tivo que desprazar ao Punto de Atención Continuada (PAC) do municipio, segundo afirman fontes do servizo de extinción.