CRTVG

Buscar

Un ferido por arma branca nunha pelexa nunha casa abandonada en Pontevedra

Publicado o 11/01/2019 14:04

Unha pelexa nunha casa ocupada ilegalmente de Pontevedra acabou cun lesionado por arma branca. O ferido acollera o seu presunto agresor para que non durmise na rúa estas noites de xeada. Agora, está fuxido.

Ocorreu contra as cinco da mañá no baixo deste edificio da rúa Altamira de Pontevedra, onde residen varios ocupantes ilegais. Segundo nos confirma un deles, que estaba presente no momento dos feitos, houbo unha pelexa derivada do consumo excesivo de alcol. O residente habitual da vivenda, un pontevedrés de mediana idade, acabou con varias navalladas na cabeza, polas que precisou asistencia sanitaria.

Dáse a circunstancia de que o presunto agresor fora convidado pola propia vítima a aloxarse na vivenda debido ao frío intenso das últimas noites. Levaba, din, tres ou catro noites durmindo no sofá. Trátase, segundo nos comentaron, dun indixente madrileño que xa foi identificado pola Policía Nacional, pero, polo momento, non deron con el.

O ferido foi atendido no hospital de Montecelo por varios cortes na cabeza, nunha orella e na cara, pero non quedou ingresado. Os seus compañeiros de piso tamén foron citados pola Policía Nacional como testemuñas dos feitos. A investigación segue aberta, mentres buscan o presunto agresor.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/01/2019