CRTVG

Buscar

Un familiar négase a que vacinen unha usuaria dunha residencia de Ribadeo

Publicado o 11/02/2021 09:24
Un familiar négase a que vacinen unha usuaria dunha residencia de Ribadeo

A Deputación Provincial de Lugo informou de que xa puxo en coñecemento da Fiscalía a negativa dun familiar a que unha usuaria da residencia de maiores de Ribadeo recibise a vacina contra a covid−19.

Segundo informou a institución provincial, o cribado periódico realizado polo Sergas no Centro de Atención a Maiores de Ribadeo deu como resultado un positivo entre os usuarios, e daquela a Deputación de Lugo illou esta persoa e a súa compañeira de cuarto.

Como medida de precaución, a Deputación tomou a decisión de realizar novas probas de diagnóstico á usuaria que deu positivo, e tamén ao seu acompañante e aos traballadores do centro que estiveron en contacto estreito con ela. 

Realizadas esas probas nun centro de diagnóstico lucense autorizado pola Xunta de Galicia, todas deron negativo, e con iso confirmouse a hipótese do falso positivo. A Deputación de Lugo solicitaralle ao Sergas a realización dunha segunda proba PCR a esta usuaria e, ata que se produza a confirmación, tanto ela como o seu acompañante continuarán illadas como medida de precaución.

A Deputación informou de que toda a comunidade do Centro de Atención a Maiores de Ribadeo completou a pauta de vacinación contra a covid−19, salvo a usuaria “que resultou ser un falso positivo”. Esa muller “non puido ser vacinada por expreso desexo dun familiar, un feito que a institución provincial xa puxo en coñecemento da Fiscalía”, segundo informa o goberno da Deputación de Lugo.