Madrid detecta un fallo de seguridade pero nega a exposición de datos persoais do rei ou de Sánchez
A Comunidad de Madrid detectou este mércores un fallo de seguridade no portal cidadán para a obtención do certificado covid−19, aínda que negou que quedasen ao descuberto os datos persoais dos cidadáns rexistrados na plataforma.
Segundo informou Telemadrid, a dita fenda de ciberseguridade deixaría ao descuberto datos privados de miles de madrileños, coma os do rei Filipe VI ou os do presidente do Goberno Pedro Sánchez, entre outros. "É falso que calquera cidadán poida meterse en páxinas web da Consellería de Sanidade da Comunidade de Madrid para obter o certificado covid e que se poida acceder a información confidencial, como datos clínicos do reri, do presidente do Goberno ou doutros expresidentes", aclararon fontes da Consellería de Sanidade a Europa Press.
As mesmas fontes informaron de que esta incidencia se ocasionou por unha actualización que pasou os protocolos de probas e que no proceso de posta en marcha xerou unha fenda que quedou liquidada en horas tras ser detectada polos servizos de calidade. En calquera caso, precisaron que a incidencia non afectaba a datos clínicos e "por suposto non comprometía a alteración ningunha de información nas bases de datos".
Ademais, explicaron que para acceder a esa información se necesitaría o DNI da persoa en cuestión e insistiron en que "se bloqueou o acceso xerado indebidamente".