Polo menos cinco mortos tras a erupción dun volcán nunha illa de Nova Zelandia
Polo menos cinco persoas morreron por mor da erupción este luns do volcán Whakaari, nunha illa deshabitada ao nordeste de Nova Zelandia onde se atopaban medio cento de turistas, mentres que as autoridades aseguran que como mínimo unha decena de vítimas permanecen atrapadas no lugar.
A Policía sinalou que o número de persoas que quedan na illa ten polo menos "dúas cifras" aínda que indican que descoñecen a cantidade exacta e o estado destas debido á imposibilidade de comunicarse con elas.
"Debido ao alto risco, os equipos de emerxencia non poden acceder á illa (...) que permanece inestable e con posibilidade de novas erupcións", apuntou o vicecomisionado de Operacións Nacionais da Policía, John Tims, en conferencia de prensa.
O oficial indicou que os mortos son parte das 23 persoas de "varias nacionalidades" que foron rescatadas da illa e que se atopaban nela no momento da erupción.
Feridos con queimaduras
Outros sobreviventes foron trasladados e ingresados en hospitais para tratar as súas lesións, na súa maioría queimaduras, aínda que non se precisou o número de feridos.
A erupción ocorreu a primeira hora da tarde do luns coa expulsión de rochas e unha gran nube de cinza sobre a illa de Whakaari, tamén coñecida como White Island e que se atopa a 48 quilómetros ao leste da Illa Norte.
Un grupo de excursionistas estaban preto do cráter minutos antes da erupción, segundo imaxes dunha cámara de seguimento instalada na zona.
As autoridades cifraron en menos de 50 o número de turistas neozelandeses e estranxeiros que se atopaban na illa no momento da explosión, e revelan que aínda hai un número indeterminado de "persoas sen localizar".
Avión en busca de sobreviventes
Tras realizar un voo de recoñecemento sobre a illa, onde se cre que había uns 50 turistas no momento da erupción, a Policía neozelandesa indicou que "coa información que temos non cremos que haxa ningún sobrevivente na illa"
Michael Schade, un dos turistas testemuñas da erupción, narrou na rede social Twitter a través de varios vídeos como o barco no que viaxaba partira da illa minutos antes da explosión.
My god, White Island volcano in New Zealand erupted today for first time since 2001. My family and I had gotten off it 20 minutes before, were waiting at our boat about to leave when we saw it. Boat ride home tending to people our boat rescued was indescribable. #whiteisland pic.twitter.com/QJwWi12Tvt
— Michael Schade (@sch) December 9, 2019
Nas imaxes apréciase a enorme columna de fume, que segundo os expertos alcanzou os 3.000 metros de altura, que sae desde a caldeira mentres varias persoas son rescatadas desde un pequeno peirao da illa volcánica cuberta por un manto cincento.
"Esperamos queimaduras, problemas respiratorios, lesións na cabeza, fracturas de ósos polo impacto de rochas", entre outras lesións, describiu á emisora Newstalk ZB o director de operacións de St John, Norma Lane.
Alerta ante posibles erupcións
A Axencia Nacional de Resposta a Emerxencia emitiu unha alerta ante posibles novas erupcións ou actividade sísmica moderada.
As autoridades neozelandesas estableceron un perímetro de seguridade e a cancelación inmediata de todas as excursións, incluídas os barcos turísticos, ao redor da illa, visitada cada ano por unhas 10.000 persoas.
O pasado día 3 de decembro, o grupo de control de actividade xeolóxica GeoNet advertiu que o volcán Whakaari "entrou nun período de actividade eruptiva", aínda que precisou que a situación "non representa un perigo directo para os visitantes".
A mandataria neozelandesa, pola súa banda, indicou este luns que se revisarán os protocolos de emerxencia e a actividade turística ao redor do volcán, que en 1914 tivo unha erupción que causou 12 mortos.