CRTVG

Buscar

Un falecido no incendio de Málaga, activo e con case mil desaloxados

Publicado o 09/09/2021 21:47
EFE

Un bombeiro forestal faleceu no incendio de Sierra Bermeja, que segue activo e afecta a catro municipios da provincia de Málaga —Estepona, Benahavís, Jubrique e Genalguacil—, e que queimou xa unhas 2.200 hectáreas e ocasionou o desaloxo de case mil persoas.

Fontes do Plan andaluz contraincendios Infoca informaron a EFE da morte do bombeiro, de 44 anos, que se desprazou desde Almería para colaborar na extinción e que levaba xa seis campañas participando neste tipo de traballos contra o lume. O presidente andaluz, Juanma Moreno, confirmaba tamén o falecemento do bombeiro forestal na súa conta de Twitter, na que expresaba a súa dor por esta "desgraza enorme".

O forte vento —de ata 50 quilómetros por hora—, complicou moito durante todo o día a extinción dun incendio que leva activo 24 horas e obrigou a desaloxar 939 persoas de forma preventiva. Ata 29 medios aéreos participaron este xoves na extinción dun lume que xera dúbidas sobre a súa orixe ao iniciarse en dous focos distintos.

Noticias web

09/09/2021