CRTVG

Buscar

Un falecido e dous feridos nun accidente en Cabana de Bergantiños

Publicado o 09/04/2021 10:41

Un accidente de tráfico rexistrado na noite deste pasado xoves con dúas motos e un coche implicados acabou cunha persoa falecida, un mozo de 30 anos, e dúas feridas, dous homes de 23 e 67 anos, na localidade coruñesa de Cabana de Bergantiños. Segundo informou o 112 Galicia, sobre as 21:30 horas un particular chamou ao servizo de emerxencias para informar do alcance entre un coche e dúas motos no lugar de Rebordelo, na estrada de Canduas a Laxe.

Na propia chamada, a persoa alertante afirmou que os implicados estaban feridos e que parecían graves. Por iso, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias alertou a Garda Civil de Tráfico, os bombeiros de Carballo, o GES de Ponteceso e a Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Unha vez no lugar dos feitos, os servizos sanitarios confirmaron ao 112 que había unha persoa falecida pola que non se puido facer nada e outras dúas feridas, que foron trasladadas ao hospital Virxe da Xunqueira de Cee. En concreto, ao lugar o 061 enviou dúas ambulancias de soporte vital básico e un equipo sanitario do PAC de Ponteceso. O persoal sanitario confirmou o falecemento no lugar do sinistro dun mozo de 30 anos de idade, mentres que os dous homes feridos foron trasladados ao hospital.

Polo momento descoñécese que puido pasar. A Garda Civil xa abriu unha investigación para tratar de esclarecer as causas deste tráxico accidente.

Noticias web

09/04/2021