CRTVG

Buscar

Un ex-policía local de Vilagarcía, condenado a tres anos de cárcere por tráfico de drogas

Publicado o 12/07/2018 14:08

Un ex-policía local de Vilagarcía de Arousa, condenado a tres anos de cárcere por tráfico de drogas. Axentes da Garda Civil prendérono o ano pasado nun polígono industrial preto da Coruña conducindo un coche no que transportaba case 5 quilos de resina de cánnabis.

A vista oral fixada para esta mañá na Audiencia da Coruña non chegou a celebrarse. Xesús González recoñeceu ser o autor dun delito contra a saúde pública e, a cambio, conseguiu unha redución da pena. O tribunal aceptou como atenuante que sufría alteración psíquica e drogadicción. En principio, o fiscal pedíalle catro anos e medio de prisión pero finalmente foi condenado a tres anos e trinta mil oitocentos euros de multa polo valor da droga que lle incautaron. Axentes da Garda Civil prendérono en marzo do ano pasado, nun polígono industrial preto da Coruña. No seu coche atoparon case cinco quilos de resina de cánnabis repartidos en medio cento de paquetes. Tamén levaba un uniforme e un carné profesional da Policía Local de Vilagarcía, corpo no que traballara dous anos antes da detención. Nun rexistro posterior na casa, apareceron outros trinta e cinco gramos de cocaína. O procesado estivo máis de medio ano en prisión provisional por estes feitos. O seu avogado vai pedir a suspensión da condena para que non teña que cumprir os meses de cárcere que lle quedan.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/07/2018