CRTVG

Buscar

A explotación leiteira do futuro: profesional, tecnificada e cunha produción de maior valor engadido

Publicado o 18/11/2020 15:12

A SAT Busto Corzón de Mazaricos é unha das explotacións punteiras en Galicia. Ten case mil animais e producen uns cinco millóns de litros de leite ao ano, unha dimensión á que chegaron primeiro asociándose, e segundo, cun plan empresarial claro.

Xosé Manuel Fernández, o xerente da sociedade, explica que os obxectivos sempre foron "ter moita produción, vacas sas, un bo sistema de manexo, boas instalacións e un bo equipo de traballo".

E se unha aposta foi pola profesionalización, a outra foi pola tecnificación da granxa. "Temos o control total dos animais" di Xosé Manuel, "sabemos cando unha vaca come ou non, ou cando está en celo, así que detectamos antes os problemas".

E saben outro dato moi importante, que o plan estratéxico para o sector prevé incorporar nas explotacións galegas: o que lles custa producir un litro de leite. "Cónstame que hai moitas explotacións que non o saben" di o xerente de Busto Corzón, que cre que é un dato "importantísimo" para poder negociar logo coa industria. 

Esta explotación é exemplo tamén na produción de leite de calidade diferenciada, que se paga mellor, pero din que o futuro ten que pasar por elaborar en Galicia produtos transformados que deixen maior valor que o leite líquido.

Noticias web

18/11/2020