CRTVG

Buscar

Un ex-alto cargo de Facenda di que se puideron empregar cartos públicos para o 1-O

Publicado o 19/03/2019 16:07

O número tres de Facenda durante o procés admite que o sistema de control sobre os gastos da Generalitat non era infalible, polo que o Goberno catalán puido empregar cartos públicos para o un de outubro. Este testemuño, clave para soster a malversación, foi un dos que se escoitaron hoxe no xuízo.

O que fora subsecretario de Facenda de Montoro admitiu que a Generalitat puido burlar o control financeiro do Estado para destinar fondos públicos ao referendo ilegal. Había mecanismos de control sobre as contas, dixo Felipe Martínez, pero a información recibida era ás veces "incompleta e inexacta", polo que se informou á fiscalía.

Se este testemuño pode ser relevante para probar a malversación, as declaracións dos 24 gardas civís que van desfilar esta semana polo Supremo será clave para delimitar se houbo o non rebelión. O primeiro citado, que solicitou declarar sen cámaras, foi un axente que participou nos rexistros do 20 de setembro. Relatou como detiveron ao ex-secretario de Facenda, Lluis Salvadó, e a conversa que este tivo coa sua secretaria.

O garda civil describiu tamén a documentación intervida nos rexistros, entre a que destacou un informe. O axente tamén asegurou que a concentración diante da Consellería foi de asedio, pero dixo que non dificultou os rexistros.




 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/03/2019