Un estudo sitúa en Galicia a taxa máis alta de mortalidade por cancro de próstata
Os especialistas en uroloxía toman con cautela o informe realizado por investigadores do Instituto Carlos III, que sitúan Galicia como a zona de España coa taxa de mortalidade máis alta por cancro de próstata. Trátase do segundo tumor que máis falecementos causa en homes, aínda a día de hoxe máis do 80 por cento dos pacientes sobreviven aos cinco anos.
Cada ano diagnostícanse en Galicia uns 45 novos casos de cancro de próstata por cada 100.000 habitantes. Calcúlase que un de cada sete homes padecerá esta doenza ao longo da súa vida. Segundo un estudo recente, o noroeste de España ten a porcentaxe máis alta de mortalidade e de risco de padecer este tipo de tumor.
Camilo García Freire, xefe do Servizo de Uroloxía do CHUS "Analizalos con certa cautela. Non temos un rexistro homoxéneo e homologado entre todas as comunidades autónomas".
Segundo este especialista, o informe realizado por investigadores do Instituto Carlos III fai preciso analizar con profundidade condicionantes que puideran explicar os resultados. E dubida que haxa factores ambientais determinantes nos varóns galegos respecto doutras zonas de España.
"Todos somos da mesma raza, é un dos factores que pode influír, e estamos nunha zona, aínda con variacións, cunha dieta máis ou menos homoxénea".
Arredor de 500 homes morren cada ano en Galicia por cancro de próstata. Con todo, a taxa de supervivencia tras un ano acada o 95 por cento, e transcorridos cinco anos desde o diagnóstico máis do 80 por cento sobreviven.