Un estudo demostra a contaminación por microplásticos nas Rías Baixas
• As microfibras téxtiles dos desaugadoiros son as máis abundantes

As microfibras procedentes da industria téxtil e dos desaugadoiros das lavadoras son os microplásticos máis abundantes nas Rías Baixas e no leito fluvial do Miño. Investigadores do Centro Oceanográfico de Vigo analizaron por primeira vez a presenza destas partículas na costa galega, unhas partículas que xa se converteron nunha das principais preocupacións ambientais a nivel mundial.
A investigación conclúe que hai contaminación por microplásticos ao longo de todas as rías e da plataforma do Miño. As microfibras están presentes no 88,8 por cento das mostras tomadas con draga. Tamén hai microfragmentos doutras pezas plásticas esnaquizadas polo sol, o vento ou as ondas no 5,8 por cento das mostras.
Segundo apunta o Instituto Español de Oceanografía, atopáronse tamén polímeros. Os máis abundantes son o polipropileno (43 %) e o polietileno de alta densidade (29 %).
A contaminación por microplásticos está presente en todas as estacións onde se realizaron tomas de mostras cunha concentración media de entre 70,2 e 74,2 partículas por quilo de sedimento analizado.
O estudo foi realizado por Lucía Viñas, Olga Carretero e Jesús Gago.