CRTVG

Buscar

Un estudo galego conclúe que a vacina xera un nivel alto de anticorpos contra a covid−19

Publicado o 10/10/2021 14:46

O Centro Oncolóxico de Galicia está realizando un estudo sobre os efectos da vacina contra a covid−19 entre o seu persoal. A investigación deixou os primeiros datos sobre a resposta ao fármaco: practicamente o 100 % do conxunto de profesionais xeraron niveis altos de anticorpos tras a segunda dose, pero no 90 % dos casos foron descendendo nos seis meses posteriores.

Presentáronse voluntarios 166 traballadores do centro. As mostras tomáronse antes e despois de ambas as doses. Da investigación tírase que en practicamente o 100 % dos casos, aos catorce días de completar a pauta de vacinación, había unha resposta significativa na produción de anticorpos. Tras a primeira dose, só un 3,6 % do grupo de estudo mostrou unha reacción evidente.

Os investigadores realizaron dúas avaliacións máis, aos tres e aos seis meses. O equipo de investigación recollerá novas mostras cando se cumpran nove meses e un ano da vacinación. "Aos tres e aos seis meses vimos que hai unha diminución dos anticorpos", explica Rogelio Abella, xefe do Servizo de Análises Clínicas do COG. Nun 10 % dos casos detectaron un incremento dos anticorpos de causa descoñecida.

Experimentaron esa baixada de anticorpos tanto as persoas que pasaron a covid−19 coma as que non se contaxiaron, pero os niveis mantivéronse en todos os casos por riba dos iniciais. Rogelio Abella dirixe o Servizo de Análises Clínicas do Centro Oncolóxico e coordina o estudo, que tamén analiza a relación entre a resposta inmunolóxica e os parámetros hematolóxicos do voluntariado.

Noticias web

10/10/2021