CRTVG

Buscar

Un estudo asegura que en Galicia os mozos xogan menos ca os maiores

Publicado o 23/10/2019 15:19

O xogo problemático supón só o 0,2% en Galicia, por debaixo da media española, e dous de cada dez galegos non xogan nunca. Son algunhas das conclusións dun estudo que presentaron hoxe en Santiago no Cumio galego do xogo.

O Informe sobre o xogo privado presencial en Galicia conclúe que preferimos o xogo público, Lotería e Euromillóns, ao privado e que os mozos xogan menos que os maiores. Tamén salienta que aquí non existe un problema co xogo presencial porque a taxa de prevalencia é do 0,2%, inferior á media española e semellante á de Noruega ou Suecia. E hai máis datos que sorprenden o autor do estudo.

José Ignacio Cases, autor do estudo sobre o xogo presencial en Galicia: "Chamoume a atención o abstencionismo, porque un 20% dos galegos non xoga a nada, nin sequera á Lotería Nacional; é unha porcentaxe moi alta".

O estudo tamén constata que existe un rexeitamento social do xogo, pero, segundo salientaron nese cumio, as empresas de xogo presencial son estritas no cumprimento das normas e están sometidas a controis. 

Santiago Villanueva, director xeral de Emerxencias: "No sector do xogo competencia da comunidade autónoma, o corpo de inspectores da Xunta fixo máis de 6.000 inspeccións e, en relación con menores en establecementos de xogo, a policía entre o ano pasado e este leva máis de 1.600".

A patronal di que Galicia está entre as catro comunidades con menor taxa por habitante de salóns de xogo, máquinas B e bingos e asegura que as empresas do xogo privado crean máis de 1.750 empregos e que o sector ocupa o posto 44 de creación de riqueza en Galicia.

Noticias web

23/10/2019