CRTVG

Buscar

Un escultor da Coruña fai unha figura de Ringo Starr con madeira de castiñeiro

Publicado o 09/06/2018 14:57

Ringo Starr, o que fora batería dos Beatles, está de xira por Europa. Na súa primeira vez en solitario en España ofrecerá catro concertos, un deles na Coliseum coruñés. Non sabemos se en Bilbao, Barcelona ou Madrid lle regalarán o que teñen preparado na Coruña: unha escultura de Ringo feita en madeira de castiñeiro da Serra de Outes. O escultor Álvaro de la Vega recibiunos no seu taller.

A escultura está case rematada. Faltan algunhas engurras do traxe que será negro nun destes días e a man esquerda... Álvaro de la Vega, consumidor dos Beatles, sabe de Ringo Starr o que calquera de nós, que o contrataron por ser o mellor batería de Liverpool e que estivo coa banda ata que morreu de éxito. 

Salvando o uso da motoserra Ringo foi labrado con técnicas primitivas e ferramentas de golpe. Este Ringo. O de madeira da Serra de Outes que mide 1,90. O auténtico din que se labrou de noite, mide 1,68 e é de carne de Liverpool.  De la Vega entregará a escultura en dez días e comezará un busto de John Lennon. Julia Lennon, a medio irmá de Lennon, amiga íntima de Ringo, fai o camiño de Santiago a pé e na data do concerto, na Coruña, seralle entregada a obra do galego.

Noticias web

09/06/2018