CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Mediodía

Un escultor afeccionado de 90 anos leva 500 pezas dende a súa xubilación

Publicado o 21/09/2017 14:33

Un veciño de Monforte garda na súa casa preto de 500 esculturas que el mesmo fixo con todo tipo de materiais. E iso que non empezou a esculpir ata que se xubilou. Agora, cos 90 anos xa feitos, ofrece a súa colección de xeito gratuíto para que sexa exposta permanentemente.

Madeira de freixo, carballo ou nogueira, metais, cuarzo, magnesita e ata cabazas ou ósos de balea. Calquera material serve a Bernardo Álvarez para crear as súas esculturas. Este antigo mineiro agardou ata a xubilación, aos 62 anos, para dar renda solta á súa creatividade. Dende entón pasou máis de 50.000 horas sentado dando forma coas ferramentas ás ideas que tiña na cabeza. Bustos de persoeiros, animais, escenas de Monforte ou imaxes de familiares e amigos. Case nada deixa sen abranguer este particular artesán.

Agora, con 90 anos, Bernardo xa non ten folgos para esculpir, aínda que segue coa cabeza chea de proxectos. Nos baixos da súa casa non collen máis pezas, pero son poucos os veciños que saben dos tesouros que agocha a vivenda. Por iso está disposto a ceder todas as súas obras a algún museo ou sala para que todos as contemplen. O único que pide é que as pezas permanezan todas xuntas.

Bernardo réstalle importancia ao seu labor e di que calquera é quen de dar forma artística aos elementos da natureza, e que só se precisa utilizar a imaxinación e ter vontade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí