CRTVG

Buscar

Un epidemiólogo do Instituto Carlos III cuestiona as présas na vacina e o escaso ensaio con anciáns

Publicado o 13/12/2020 14:51

Fernando García é o responsable de Ética da Investigación no Instituto de Saúde Carlos III e ponlles algúns peros ás vacinas contra a covid-19. Lembra que o seu proceso de estudo e contraste foi o más rápido na historia das vacinas con moita diferenza e que os ensaios se realizaron fundamentalmente en franxas de idade adulta e de mocidade, basicamente sen enfermidades asociadas.

"É algo arriscado, porque idealmente a vacina tería que ensaiarse con persoas maiores, xa que son as que padecen máis polo coronavirus e son as que van falecer máis", explica Fernando García.

Este epidemiólogo apunta que polo de agora hai incerteza sobre a seguridade a longo prazo das vacinas: "Non parece que haxa efectos adversos importantes, pero descoñécense os efectos adversos infrecuentes, que para iso non serven os ensaios clínicos. Para iso servirá a vixilancia, a farmacovixilancia".

Ademais, avisa de que a terceira vaga da pandemia será inevitable a partir de xaneiro se non actuamos con responsabilidade no Nadal: "A terceira vaga, se non facemos o que temos que facer agora, no Nadal, virá antes de que vexamos os efectos positivos da vacinación".

Fernando García di que "non se deben xerar falsas expectativas" coas vacinas. Sostén que se están a vender como unha "variña máxica" e non desbota que non logren neutralizar totalmente a pandemia no medio prazo.

Noticias web

13/12/2020