CRTVG

Buscar

Bos días

Un emprendedor de orixe galega, candidato a presidir o futbol arxentino

Publicado o 15/09/2015 09:48

Víctor Blanco forma parte do selecto grupo de emprendedores arxentinos de orixe galega que enchen de gastronomía e milongas algunhas das principais rúas de Bos Aires. Presidente dun dos clubs máis importantes do país austral, agora tamén é un dos sinalados como candidato a presidir a Asociación de Fútbol Arxentino. Con só 4 anos Víctor Blanco embarcouse, da man de seus pais, nunha aventura cara América.

"O máis difícil foi para os meus pais, que deixaron amigos, deixaron todo. Quizais para min non tanto. Pero déronme o principal, educación, cariño, e despois, todo se logra con traballo, que foi o que me ensinaron eles", di Blanco.

Con ese esforzo do que fai gala logrou levantar un imperio e consolidarse como un nome propio na Arxentina. Ademais, as casualidades fan que, como amante do fútbol, divida o seu corazón branquiceleste entre o clube fetiche de Carlos Gardel, o Rácing Club de Avellaneda, e o Celta de Vigo.

"O Celta de Vigo, do que tamén son afeccionado, a casualidade de que teñamos as mesmas cores. Visiteino o ano pasado alá ao Celta", asegurou este emprendedor de orixe galega.

O empresario ten moi boa relación co club vigués e non descarta realizar novos contactos, tamén no eido deportivo.

Víctor Blanco viaxa cada ano a Galicia para gozar da gastronomía e das festas do Apóstolo nunha viaxe que considera imprescindible do que é o seu mundo. Pese a todo, con cinco fillos e cinco netos arxentinos, asegura que xa está radicado en Bos Aires.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

15/09/2015