CRTVG

Buscar

Un empregado explica que atopou "ensanguentada e agonizando" a viúva do ex-presidente da CAM

Publicado o 16/10/2019 15:28

Ensanguentada e agonizando. É como atopou un dos empregados do lavadoiro de coches familiar á viúva do ex-presidente da Caixa do Mediterráneo, asasinada hai 3 anos. Explicouno hoxe ante o xurado popular, na terceira sesión do xuízo polo coñecido como caso Sala.

"Estaba todo ensanguentado, pensei que era unha persoa que esbarara no lavadoiro. Fun pedir axuda".

É a declaración na terceira xornada do xuízo, do encargado do lavadoiro de coches onde se produciu o crime en decembro de 2016. El foi quen atopou a vítima agonizando, despois de recibir dous disparos.

Tamén asegurou que o coche da vítima non estaba a mañá do crime no lavadoiro. Con todo, horas despois a muller aparecía tiroteada xunto ao seu vehículo nese mesmo lugar.

María del Carmen Martínez, viúva de Vicente Sala, o ex-presidente da antiga CAM, foi asasinada de dous tiros en decembro de 2016, no lavadoiro do concesionario propiedade da súa familia. Só hai un sospeitoso do crime, o seu xenro, Miguel López, que nega ser o autor dos feitos. A acusación particular e a fiscalía piden para el 24 anos de prisión.

O xuízo celébrase en Alacante, e prolongarase ata o 6 de novembro. Tres semanas e 17 sesións en que deberán comparecer, ademais do procesado, un cento de testemuñas.

Noticias web

16/10/2019