CRTVG

Buscar

A Revista

Un emigrante galego elabora en Bos Aires esculturas de hórreos con mistos usados

Publicado o 25/07/2017 12:42




Un emigrante galego recrea en Bos Aires elementos típicos da nosa etnografía como hórreos, carros ou pallozas, feitos con mistos usados.
Coñecemos un pouco máis da obra deste artesán que homenaxea a Galicia en cada nova creación.


Na emigración, a galeguidade vívese de moitas maneiras. Algúns apoianse nas xuntanzas, moitos na música ou na gastronomía, e outros dedícanlle a Galicia o seu don. Ese é o caso de Manuel Iglesias, nado en Caldas de Reis, e que fai réplicas en miniatura de apeiros de labranza, pallozas ou hórreos con algo tan simple coma os mistos usados e moita maña.
De non ser contador, a carpintería sería a vocación de Manuel Iglesias, porque coas súas mans foi capaz de deseñar e esculpir misto a misto, toda unha colección de elementos etnográficos galegos.


"Son soamente cousas da Galiza que fan parte da cultura material de Galiza e da súa etnografía".

Lembranzas dun rapaz de aldea, como bautizou a esta colección, é un pasatempo para o que fai falla moita paciencia e dedicación, e que Iglesias fai simplemente por satisfacción persoal e amor a Galicia.

"Lera a Neira Vilas en 'Memorias dun neno labrego' e eu dixen, pois eu non vou a poder escribir un libro, entón vou a facer estas cousas que se me dan e é un xeito de reflectir aquí na diáspora o meu amor por Galicia".

Non os vende, difúndeos nas redes sociais e expúxoos nalgúns museos porteños, pero a súa obra está igualmente espallada polo mundo a modo de agasallos.
Agora, a este artesán quédalle un reto e un soño por cumprir. O desafío: facer un cruceiro coa mesma técnica coa que tallou a súa colección, e o soño, ver algún día as súas pezas expostas no Museo do Pobo Galego.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

A Revista

25/07/2017