Un edificio da Coruña ten un garaxe comunitario sen porta
Os veciños dun edificio, situado no número un da rúa Revolución Francesa, de Vioño, xa non saben que facer. Cada un deles ten a súa praza de garaxe pero, non é que teñan restrinxido o acceso, senón que sinxelamente non existe. O problema está en que o novo polígono de Vioño se deseñou para que as entradas aos garaxes foran compartidas por dous ou tres bloques de vivendas.
O caso deste edificio afectado é que o bloque lindeiro non existe. No seu lugar só hai un soar utilizado como aparcadoiro improvisado. "Ten que estar adaptada a parcela lindeira, que sería pola que tiña que ter o acceso ao noso edificio. A parcela está sen obrar, nin proxecto temos, nin futuro lle vemos ao tema para que poidamos ter ese acceso ás nosas prazas de garaxe. Entón encontrámonos que temos algo que non podemos usar, que non nos pertence realmente", di Antonio Piñón, un dos veciños afectados.
A indignación dos veciños é maior desde o momento que, cando compraron o piso, os obrigaron a facelo coa praza de garaxe incluída, xa que está vinculada á vivenda. "A praza de garaxe está vinculada directamente ao piso e non se pode separar. É dicir, cando nos ofreceron estas vivendas eran con praza de garaxe incluída e non se poden separar baixo ningún concepto. Co cal non nos serve nin ter a praza de garaxe, nin por normativa podemos utilizala como trasteiro nin para gardar útiles. Co cal é ter algo que non nos vale de nada, explica Antonio.
A maioría dos propietarios destes pisos son expropiados que vivían neste polígono antes de ser reurbanizado, polo que tiveron máis vantaxes para comprar estas novas vivendas. "Entón era a miña oportunidade de mercar un piso a bo prezo e, claro, ante a obriga de comprar o piso co garaxe, pois tiven que aceptalo. E hoxe en día vémonos aquí bloqueados, porque aquí ninguén toma cartas no asunto. Fixemos varios escritos ao Concello e ata o día de hoxe...", conta Marcos Prado, outro dos veciños afectados.
Ademais teñen que seguir pagando a luz, o mantemento e o seguro dun garaxe que non poden utilizar. E así levan oito anos cos seus coches aparcados en prazas de alugueiro ou ben na rúa.