CRTVG

Buscar

Bos días

Un dos homes de confianza dos ex-presidentes Néstor Kirchner e Cristina Fernández, detido mentres tentaba agochar diñeiro nun mosteiro

Publicado o 17/06/2016 09:45

Unha nova polémica na Arxentina salpica o kirchnerismo. Un dos homes de confianza dos ex-presidentes Néstor Kirchner e Cristina Fernández foi detido mentres tentaba agochar unha inxente cantidade de diñeiro nun mosteiro.

Cartos e obxectos de valor obtidos, segundo o xuíz, ilicitamente durante a súa función pública.

Gran crispación entre a opinión pública arxentina logo de que a policía atrapase "infraganti" a un alto ex funcionario do kirchnerismo cando tentaba soterrar case 9 millóns de dólares e obxectos de valor nun convento da provincia de Bos Aires.
Unha operación que o propio presidente, Mauricio Macri, calificou de cinematográfica.

José López, ex-secretario de Obras Públicas durante os mandatos de Néstor e Cristina Kirchner, era o responsable de repartir o diñeiro dos presupostos oficiais entre as empresas contratistas do Estado.
O xuiz acúsao de ter incrementado ilícita e inxustificadamente o seu patrimonio de xeito apreciable mentres exercía a función pública.

Mauricio Macri, presidente da República Arxentina: "É lamentable. Indignou moito a poboación, a todos os arxentinos. Estamos todos moi enfadados con isto".

Este novo golpe para a imaxe do kirchnerismo provocou renuncias nas súas filas.
Outros, mostraron o seu repudio e desvinculáronse de López. A mesma liña que seguiu Cristina Fernández.

A ex-mandataria advertiu que cando alguén recibe diñeiro durante a función pública este provén do sector privado.

Polo de agora, López negouse a declarar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

17/06/2016