CRTVG

Buscar

Unha nova confesión agrava a situación de Michel Temer

Publicado o 19/05/2017 19:41

Un dos donos da empresa JBS confesou ante o xuíz que paga subornos a Temer dende 2010 e implicou tamén no caso Petrobras os ex-presidentes Lula e Rousseff

A investigación xudicial iniciada polo Tribunal Supremo acurrala o presidente do Brasil, Michel Témer, despois de que un empresario o situara á fronte dunha trama de corrupción. Tanto dende a oposición como dentro da coalición gobernamental pídenlle a renuncia. Nas rúas tamén aumenta a presión contra o presidente e xa se produciron os primeiros disturbios. 

Temer comparecía ante a prensa despois de que se saíra á luz parte da gravación en que presuntamente dá o seu visto e prace a un empresario que lle está a pagar un suborno mensual o ex-presidente da Cámara de Deputados, Eduardo Cunha, para comprar o seu silencio.

Cunha, condenado a 15 anos de prisión por corrupción, foi o impulsor do controvertido xuízo político que acabou coa destitución de Dilma Rousseff e converteu a Temer en presidente. Un ano despois milleiros de brasileiros pediron a renuncia de Temer en varias cidades do país.

As manifestacións remataron en duros enfrontamentos coa policía no Río de Xaneiro ou Belén. 

Xa dimitiron dous ministros, pero Temer está disposto a demostrar a súa inocencia ante o Supremo.

Pero o empresario que gravou o audio confesou ante o xuíz que paga subornos a Temer dende 2010 e implicou tamén no caso Petrobras os ex-presidentes Lula e Rousseff. Ademais a Fiscalía da República acusa a Temer e o ex-candidato presidencial Aecio Neves de obstruír a investigación da trama corrupta en Petrobras con medidas lexislativas e controlando o nomeamento de comisarios de policía. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/05/2017