CRTVG

Buscar

Un doente agride no Hospital Provincial de Pontevedra un médico, un policía e un garda de seguridade

Publicado o 27/01/2020 20:15
Un doente agride no Hospital Provincial de Pontevedra un médico, un policía e un garda de seguridade

Un paciente agrediu na noite do pasado venres no Hospital Provincial de Pontevedra un médico, un axente da Policía Nacional e un vixiante de seguridade, que tivo que pedir a baixa polas lesións. Así o denunciou UXT nun comunicado, no que explica que os feitos ocorreron o pasado día 24 ás 21,00 horas, cando o facultativo avisou aos servizos de seguridade pola presenza dun home violento.

Segundo explica o sindicato, o agresor, que presentaba un estado violento e que, supostamente, se atopaba baixo os efectos de "algún tipo de substancia", "conseguiu ser reducido" entre o persoal de seguridade e o apoio da Policía Nacional. Como resultado da intervención, conforme indica UXT, o vixiante de seguridade sufriu lesións que lle provocaron a baixa médica. Ademais, tamén quedou ferido algún dos axentes que se achegaron ao centro despois da chamada ao 091.

Por todo iso, UXT pediu ao Sergas que estude a posibilidade de aumentar o persoal de seguridade, así como a súa dotación de medios.

"Nestas circunstancias é practicamente imposible manter un clima de seguridade no centro hospitalario, tanto para os pacientes como para o persoal sanitario e os usuarios", asegura o sindicato.