CRTVG

Buscar

Un dispositivo con 14.000 axentes para vixiar as eleccións catalás

Publicado o 13/02/2021 15:26

Cataluña celebra eleccións cando acaba de superar as 20.000 mortes por coronavirus. A Consellería de Saúde estima que na xornada electoral unhas 96.000 persoas estarán en corentena. Esta situación obriga a extremar as medidas de seguridade para evitar contaxios.
Algo máis de 82.200 cidadáns foron chamados a dirixir unha mesa electoral. Un de cada tres seleccionados presentou alegacións para non acudir.
De todos os xeitos, o Goberno catalán garante que funcionarán o 99,9 por cento das mesas, utilizando se é necesario suplentes doutros colexios. Haberá, ademais, un amplo dispositivo de seguridade. Aos membros das mesas tomaráselles a temperatura, contan cada un con ata catro máscaras FFP2, pantalla facial, xel hidroalcólico, separadores, e luvas para o reconto.
Aínda que non era obrigatorio, os membros das mesas electorias estaban convocados para facer un test de antíxenos. Máis do 30 por cento fixeron a proba.

Tamén deberán vestir un equipo de protección individual (EPI) na franxa das sete ás oito da tarde. Hora reservada para que voten os positivos por coronavirus e os seus contactos estreitos.
As outras franxas horarias recomendadas son:
De 9:00 a doce da mañá para que acudan os grupos de risco (maiores de 65 anos, enfermos e embarazadas) e de 12:00 a sete da tarde para as persoas que non están en corentena nin son de risco.

Non se vota en aulas pequenas, para iso habilitáronse pavillóns grandes. E se o tempo o permite mesmo pode haber mesas electorais ao aire libre.
E aínda que haberá cabinas, serán sen cortina pechada, O Govern recomenda levar o sobre e a papeleta da casa.
Os votantes poderán consultar en tempo real a través dunha aplicación de teléfono móbil se hai moita xente nese momento nos centros de votación.

O temor ao coronavirus provocou que se batera un récord na solicitude de voto por correo nunhas eleccións en Cataluña. Recibíronse preto de 285.000 peticións, e votaron 265.000 persoas, un 350 por cento máis.
 

Noticias web

13/02/2021