CRTVG

Buscar

Detido un veciño de Vimianzo por un tiroteo en Zas

Publicado o 20/11/2019 14:45

Axentes da Garda Civil detiveron un veciño de Vimianzo de 45 anos de idade. Está investigado en relación a uns disparos efectuados nas inmediacións dun bar de Zas. Ao parecer, alí ameazou varias persoas de morte. Esta mañá pasou a disposición xudicial no xulgado de Corcubión. 

Dentro dun bar iniciouse unha discusión cun individuo por unha cervexa que se puxo na barra. Eran catro traballadores dunha empresa que están a traballar nunhas obras dun parque eólico. A cousa quedou aí. O home marchou e os operarios continuaron dentro.

Un anaco despois, saíron botar un cigarro. Daquela apareceu un Wolkswagen Passat de cor branca. O coche parouse diante do local e saíu un home. Tiña na man unha arma, coa que pegou, polo menos, dous tiros ao aire e apuntou a un dos traballadores, ameazándoo de morte, antes de volver subir ao vehículo e emprender a fuxida.

A Garda Civil iniciou as pescudas, coa toma de declaracións a testemuñas e afectados, para dar co autor dos disparos. Coa descrición do responsable das ameazas, os gardas civís localizárono pouco tempo despois. Identificaron a casa, rodeárona e esperaron a orde xudicial para inspeccinar a vivenda.

Finalmente, non fixo falta a intervención dunha unidade especial que opera en casos en que median armas de fogo. O individuo, residente no lugar de Xora, en Vimianzo, entregouse de forma voluntaria á Garda Civil. Algunhas testemuñas aseguran que os problemas entre os traballadores e o agora detido viñan de antes e que coincidían noutro local da vila. Ata chegan a afirmar que os estaba a esperar, pero o bar onde adoitaban parar despois do traballo estaba pechado.

Segundo os veciños, o detido non é unha persoa que se poida cualificar como delincuente, pero si que se ve envolto, con frecuencia, en leas que non pasan das palabras.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/11/2019