CRTVG

Buscar

Un detido e un atropelo sen feridos durante as protestas dos transportistas do carbón

Publicado o 02/12/2019 17:55

Xornada de protesta dos camioneiros que levan o carbón á central das Pontes. Os transportistas bloquearon o acceso ao porto interior de Ferrol. A mobilización provocou cortes de tráfico e retencións na zona. A protesta dos camioneiros chega despois de que Endesa anunciara o peche para antes de 2022. Os transportistas do carbón din que desde que a central térmica paralizou a súa actividade as perdas que acumulan superan os 14 millóns de euros.

Un transportista do carbón foi detido este luns, ademais de resultar ferido, nun incidente con efectivos da Policía Nacional pertencentes á comisaría de Ferrol-Narón.   O incidente produciuse sobre as 16,00 horas cando os camioneiros levaban varios minutos cortando o tráfico na glorieta que dá acceso e que serve de saída ao porto interior de Ferrol, lugar que xa tomaran durante a mañá, con barricadas con pneumáticos.

Foi entón cando os axentes lles comunicaron que tiñan que depor a súa actitude, xa que pola contra terían que utilizar a forza para desaloxalos, ao que algúns deles responderon alegando que loitaban polo seu futuro laboral, momento no produciuse un cruzamento de palabras entre un transportista e unha axente, que finalizou coa detención deste.   O arrestado foi inmobilizado no chan e, segundo apuntaron, trasladou aos policías que durante o proceso para colocarlle as esposas sufrira feridas, polo que foi levado ao servizo de urxencias do Hospital Arquitecto Marcide nun vehículo policial, para recibir atención médica.

Por outra banda, mentres se producían estes incidentes, outro camioneiro resultou arroiado por un condutor que logrou saltarse a retención, pero non resultou ferido.     

Os transportistas do carbón xa advertiron hai uns días que endurecerían as medidas de protestas após levar case tres meses encerrados nos concellos de Ferrol e As Pontes de García Rodríguez (A Coruña), despois da paralización na central térmica de Endesa nesta última localidade, xa que eles son os encargados de transportar o derivado fósil que chega en barco ao porto exterior de Ferrol até as instalacións enerxéticas, situadas a uns 40 quilómetros de distancia.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/12/2019